Cultura e educación presenta en Suecia Camiñar camiñamos... unha exposición do Museo das Peregrinacións e de Santiago
Cultura e educación presenta en Suecia Camiñar camiñamos... unha exposición do Museo das Peregrinacións e de Santiago
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva á Biblioteca de Skara, en Suecia a mostra Camiñar, Camiñamos... Así a través do traballo desenvolvido polo Museo das Peregrinacións e de Santiago quere dar a coñecer o Camiño de Santiago e a importancia que este ten.
A través de 40 imaxes realizadas polo fotografo galego, Adolfo Enríquez, dáse conta da dificultade que implica peregrinar polo esforzo que ten que realizar o camiñante e a renuncia que ten que facer a moitas comodidades.
Peregrinación por Suecia
A mostra foi desenvolvida grazas ao traballo de colaboración entre o Museo das Peregrinacións e de Santiago e do Departamento de Turismo de Skara. Cómpre destacar que nestes momentos a localidade sueca está nun proceso de recuperación do camiño de peregrinación que, pasando polo seu territorio, se dirixe a Nídaros, en Noruega, onde se atopa o sepulcro de santo Olav.
Trátase este punto dunha importante meta de peregrinación na Idade Media. Entre os labores de difusión do seu propio percorrido, Skara está a desenvolver relacións con outros países que a nutran de experiencias relacionadas con actividades de peregrinación, conservación, protección e difusión dos valores do Camiño.
O museo galego, dependente da Consellería de Cultura e Educación, é unha referencia no ámbito da peregrinación e a experiencia avala o seu traballo. Así o demostrou Skara co seu interese por esta mostra que tamén serve como punto de intercambio de pareceres e experiencias entre ambas as entidades.
palabras clave