Biografías lingüísticas e transmisión do galego. Unha mirada crítica
Este curso, organizado polo ILG e o grupo MetalingüísTICa da USC, e que se celebrará o sábado 29 de novembro na Facultade de Filoloxía da USC, propón un espazo de reflexión e acción para o profesorado de ensino primario e secundario (especialidades de Lingua galega e Literatura e de Lingua castelá e Literatura), centrado na conciencia lingüística crítica como metodoloxía que permite reflexionar sobre a transmisión interxeracional da lingua galega e a súa incorporación ás biografías lingüísticas do alumnado.
A formación ten como obxectivo recoñecer e valorizar os repertorios lingüísticos do alumnado, promovendo prácticas pedagóxicas inclusivas que integren as TIC como ferramentas de empoderamento e participación.
O curso combinará actividades prácticas, análise de biografías lingüísticas e elaboración de proxectos colaborativos, fomentando unha docencia transformadora e comprometida coa diversidade lingüística e cultural.
O prazo de inscrición remata o día 21 de novembro para o profesorado dos centros públicos e concertados, e o 27 de novembro para o resto de asistentes.