Xornada bilateral Erasmus+ no ámbito da educación e a formación (España-Portugal)
O próximo 9 de marzo terá lugar na cidade de Tui (Pontevedra) a Xornada bilateral Erasmus+ no ámbito da educación e a formación (España-Portugal), co obxecto de establecer proxectos de cooperación entre institucións españolas e portuguesas.
A xornada, organizada conxuntamente polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), a Axencia Nacional Portuguesa e coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, centrarase en proxectos de mobilidade e en asociacións estratéxicas entre institucións do entorno educativo e do ámbito empresarial. Dentro do sector educativo participarán centros de primaria, secundaria e formación profesional, así como centros de ensinanzas artísticas, persoas adultas e ensino de idiomas.
Xunto as sesións formativas, darase espazo ao encontro entre os profesionais de todos os sectores para promover a cooperación transnacional a través das accións do Programa Erasmus+.
A xornada forma parte do plan anual de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e certificarase aos asistentes con oito horas de formación. A inscrición para o profesorado galego farase en: https://www.edu.xunta.es/fprofe/ (código de actividade X1502040).
Todos os asistentes, incluído o profesorado galego, deberán inscribirse nesta ligazón que estará dispoñible ata o día 1 de marzo de 2016. Nela atoparán tamén toda a información relativa á xornada.