Desenvolvemento humano local e xustiza espacial en América Latina
O Grupo de Geografía de América Latina da Asociación de Geógrafos Españoles (AGEAL) organiza, na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Complutense de Madrid, este seminario internacional onde se formularán, entre outras, preguntas relevantes sobre os criterios que deben guiar a planificación dunha cidade, o papel que xogan os movementos sociais urbanos na confrontación con dinámicas de inxustiza espacial ou que escalas espaciais son pertinentes para a análise da xustiza espacial.
O Seminario pretende contribuír ao debate sobre estas cuestións, comparar experiencias de América Latina e España, e abrir un espazo de diálogo transdisciplinar entre investigadores latinoamericanos e europeos. O obxectivo é impulsar a transferencia de experiencias e a creación de redes.